I. DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE OURENSE

DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE OURENSE

Bases reguladoras do concurso público para a concesión de subvencións para o mantemento do emprego feminino “EmprendOU en feminino”, convocatoria para o ano 2026

A Xunta de Goberno de esta Deputación acordou en sesión ordinaria que tivo lugar o día 13 de xullo de 2026, aprobar as bases reguladoras do concurso público para a concesión de subvencións para o mantemento do emprego feminino “EmprendOU en feminino”, convocatoria para o ano 2026, con suxeición as seguintes cláusulas:

Primeira. Obxecto e finalidade

Constitúe o obxecto destas bases a regulación da tramitación, concesión, pagamento, xustificación e control das subvencións que outorgue a Deputación Provincial de Ourense, en réxime de concorrencia non competitiva, mediante orde de prelación, a persoas físicas que estean a desenvolver proxectos empresariais, de autoemprego ou profesionais en municipios da provincia de Ourense, e proceder á súa convocatoria para o ano 2026.

A finalidade da convocatoria 2026 é, por unha banda, manter a finalidade xa recollida na convocatoria do ano 2025, orientada a apoiar o emprendemento feminino, especialmente vinculado ao ámbito rural da provincia, como instrumento de desenvolvemento económico, cohesión territorial, redución de fendas estruturais de xénero, equidade territorial e fixación de poboación.

Por outra banda, a convocatoria 2026 incorpora unha finalidade específica de continuidade respecto dos proxectos que xa resultaron beneficiarios no exercicio anterior, co obxecto de favorecer a súa consolidación, evitar a interrupción de iniciativas empresariais ou profesionais xa apoiadas pola Deputación Provincial de Ourense e contribuír ao mantemento da actividade económica e do emprego autónomo no territorio provincial.

Segunda. Requisitos das beneficiarias e dos proxectos empresariais

1. Poderán ser beneficiarias destas subvencións:

A) Aquelas persoas que resultasen beneficiarias da convocatoria do ano 2025, sempre que, na data da solicitude prevista nestas bases, sigan de alta na actividade empresarial ou profesional que motivou a concesión da subvención no exercicio anterior.

B) Persoas físicas que teñan iniciada a súa actividade empresarial ou profesional por conta propia a partir do 1 de maio de 2025, nalgún dos municipios da provincia de Ourense, e cumpran os demais requisitos establecidos nesta convocatoria.

O crédito dispoñible destinarase, nun 75 %, ás iniciativas empresariais e/ou profesionais cuxo centro de traballo se atope nalgún municipio ourensán de menos de 20.000 habitantes. A concesión deste crédito reservado efectuarase por rigorosa orde de prelación das solicitudes completas que cumpran os requisitos establecidos nestas bases. Unha vez atendidas estas solicitudes, ou no caso de que non existan solicitudes suficientes para esgotar o crédito reservado, o resto do crédito dispoñible asignarase igualmente por rigorosa orde de prelación das solicitudes completas que cumpran os requisitos, con independencia do concello no que se desenvolva a iniciativa, ata o esgotamento do crédito máximo da convocatoria. Non obstante, as persoas que tivesen a condición de beneficiarias na convocatoria do ano 2025 accederán á tramitación preferente nos termos previstos nestas bases, sempre que acrediten ou permitan comprobar de oficio o mantemento da actividade subvencionada.

Para as persoas que xa foron beneficiarias da convocatoria do ano 2025, a acreditación dos requisitos xa comprobados no expediente anterior poderá realizarse mediante comprobación de oficio pola Deputación Provincial de Ourense, sen prexuízo da obriga de acreditar ou permitir a comprobación do mantemento da alta na actividade e de que non concorren causas que impidan obter a condición de persoa beneficiaria. Para estes supostos de continuidade exceptúanse o requisito de idade e o criterio de localización para o acceso ao crédito reservado, ao seren solicitudes que optarán á tramitación preferente nos termos previstos nestas bases.

B) Para as persoas que concorran por primeira vez a esta convocatoria, os requisitos serán os seguintes:

a. Ser muller.

b. Ter unha antigüidade mínima de 3 meses na actividade empresarial/profesional á data da presentación da solicitude.

c. Ter entre 16 anos e 35 anos no momento en que se produza a súa alta ante a Seguridade Social.

d. Ter nacionalidade española ou ser cidadá da Unión Europea, dos Estados parte do Acordo sobre o Espazo Económico Europeo ou de Suíza, ou ser estranxeira titular dunha autorización para residir en territorio español que habilite para traballar pola súa conta.

e. Estar dada de alta como residente no padrón dalgún dos municipios da provincia de Ourense.

f. Estar dada de alta na Seguridade Social en calquera réxime para o exercicio por conta propia, ou como colexiada en exercicio nunha mutualidade colexial, cunha antigüidade mínima de 3 meses á data da solicitude.

g. Estar dada de alta para a actividade subvencionada nalgún municipio da provincia de Ourense, acreditado mediante o modelo común (modelo 036) ou simplificado (modelo 037), cunha antigüidade mínima de 3 meses á data da solicitude.

2. Para os efectos destas bases, entenderanse incluídas como persoas beneficiarias as que, cumprindo os requisitos esixidos no apartado anterior, exerzan a súa actividade por conta propia (autónomas), como sociedade civil, comunidade de bens ou calquera outra entidade mercantil, incluídas as cooperativas ou entidades de economía social. En todo caso, terán que solicitar o acceso a estas axudas a título individual.

Terceira. Dispoñibilidade orzamentaria

Para o financiamento das subvencións obxecto desta convocatoria existe crédito adecuado e suficiente na aplicación orzamentaria 24111 48941 ata un máximo de 150.000,00 € dos orzamentos da Deputación Provincial de Ourense. Ano 2026.

Cuarta. Contía e xestión da subvención

A subvención á que poderán acceder as persoas solicitantes será unha axuda económica cuxa contía se estrutura en dous tramos.

O primeiro tramo terá carácter fixo e consistirá nunha axuda económica equivalente ao 75% do salario mínimo interprofesional mensual vixente para o ano 2026. Tomando como referencia o salario mínimo interprofesional mensual de 1.221,00 €, o importe deste tramo fixo ascende a 915,75 € por persoa solicitante que cumpra todos os requisitos previstos nestas bases.

O segundo tramo terá carácter complementario e só procederá no caso de que, concluído o prazo de presentación de solicitudes e atendidas todas as solicitudes que resulten beneficiarias no seu tramo fixo, o crédito dispoñible non se esgotase. Neste suposto, o remanente existente repartirase en partes iguais entre todas as solicitudes que resulten beneficiarias, sen que en ningún caso poida superarse o crédito máximo dispoñible na convocatoria.

A Área de Benestar da Deputación de Ourense instruirá e xestionará as solicitudes presentadas. A concesión efectuarase mediante resolución do órgano competente, sen comparación entre solicitudes nin aplicación de criterios de valoración, por rigorosa orde de prelación determinada pola data e hora en que cada solicitude estea completa e reúna todos os requisitos esixidos nestas bases, ata o esgotamento do crédito dispoñible e sempre de acordo co previsto na base segunda.

Quinta. Rede EmprendOU en feminino

As persoas beneficiarias desta convocatoria pasarán a formar parte da Rede EmprendOU en feminino, promovida pola Deputación Provincial de Ourense como instrumento de impulso ao emprendemento feminino na provincia.

A Rede EmprendOU en feminino terá por finalidade facilitar o contacto entre emprendedoras, fomentar o intercambio de experiencias e boas prácticas, promover accións formativas e divulgativas e favorecer a xeración de oportunidades de colaboración profesional e empresarial.

A Deputación Provincial de Ourense poderá organizar encontros, xornadas, accións formativas, actividades de networking ou outras actuacións vinculadas aos obxectivos da Rede, das que informará directamente ás beneficiarias a través dos datos de contacto facilitados na solicitude.

A integración na Rede non comportará obrigas económicas para as participantes nin condicionará o mantemento da subvención concedida.

Sexta. Solicitudes: prazos, lugar de presentación e documentación

As solicitudes poderán presentarse dende as 09:00 horas do sétimo día natural posterior á data de publicación destas bases e do seu extracto no Boletín Oficial da Provincia de Ourense e ata o día 30 de outubro de 2026, incluído, salvo que con anterioridade se produza o esgotamento do crédito dispoñible. No caso de que a publicación das bases e a do extracto non se produzan na mesma data, o prazo computarase desde o sétimo día natural posterior á última das publicacións.

Durante os primeiros 30 días hábiles do prazo de presentación tramitaranse con carácter preferente as solicitudes presentadas por persoas que tivesen a condición de beneficiarias da convocatoria do ano 2025 e que acrediten ou permitan comprobar de oficio que seguen de alta na actividade que motivou a concesión anterior. Unha vez rematado ese período de tramitación preferente, continuarase coa tramitación do resto de solicitudes presentadas. En todo caso, dentro de cada grupo de tramitación, a concesión realizarase por rigorosa orde de prelación das solicitudes completas que cumpran os requisitos establecidos nestas bases, ata o esgotamento do crédito dispoñible.

As solicitudes deberán formularse no modelo normalizado dispoñible na web e na sede electrónica da Deputación de Ourense, xunto coa documentación que corresponda segundo estas bases.

a) Formulario de solicitude dirixido á Presidencia da Deputación. Para estes efectos, utilizarase obrigatoriamente o modelo normalizado dispoñible na web da Deputación de Ourense. A solicitude deberá incluír obrigatoriamente un número de teléfono móbil e un enderezo de correo electrónico propios da persoa solicitante.

No formulario de solicitude deberán consignarse obrigatoriamente un número de teléfono móbil e un enderezo de correo electrónico correspondentes á propia persoa solicitante. Estes datos deberán permitir a comunicación directa coa interesada para a realización de actuacións de comprobación, validación, asistencia á tramitación e información relacionada coa convocatoria e coa Rede EmprendOU en feminino. Cando a solicitude se presente mediante representante, asesoría ou xestoría, deberán indicarse adicionalmente os datos de contacto destes nun apartado específico do formulario. Os datos de contacto da persoa solicitante e os da representante deberán figurar de forma separada e diferenciada. A consignación exclusiva dos datos de contacto do representante considerarase defecto emendable; de non ser emendado no prazo concedido para tal efecto, terase por desistida a solicitude, logo da resolución que proceda nos termos da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

b) Documento de autorización á Deputación Provincial de Ourense para consultar e verificar na plataforma de intermediación de datos do Ministerio de Política Territorial e Función Pública os seus datos de identidade, residencia, cumprimento das obrigas coa Seguridade Social, cumprimento das súas obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria, coa Consellería de Facenda da Xunta de Galicia e vida laboral. Para estes efectos, utilizarase obrigatoriamente o modelo normalizado dispoñible (www.depourense.gal).

As solicitantes que presenten esta autorización só estarán obrigadas a presentar a documentación prevista no apartado c) seguinte.

A presentación deste documento non é obrigatoria, pero, no caso de non presentarse, a Deputación non realizará de oficio a consulta e verificación dos datos sinalados no parágrafo anterior. Neste suposto, por tratarse de datos necesarios para resolver sobre a solicitude, a interesada deberá achegar a documentación acreditativa correspondente.

As interesadas que non presenten a autorización deberán anexar coa súa solicitude a totalidade da documentación prevista no apartado d).

c) Documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos da convocatoria no suposto en que a solicitante autorice á Deputación Provincial á consulta e verificación dos seus datos a través da plataforma de intermediación de datos das administracións públicas do Ministerio de Política Territorial e Función Pública:

1. Certificado de estar dada de alta para a actividade subvencionada nun municipio elixible no censo de empresarios, profesionais e retedores da Axencia Estatal de Administración Tributaria.

2. Certificado emitido pola mutualidade colexial profesional onde conste a data de alta no exercicio profesional da persoa solicitante, no caso de exercicio de profesións colexiadas que conten con este sistema alternativo ao alta no Réxime Especial de Traballadores Autónomos da Seguridade Social.

3. Declaración responsable de non incorrer nas prohibicións previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiaria, segundo o formulario que se obterá na plataforma informática.

4. Certificado de titularidade da conta bancaria designada pola persoa solicitante para o pagamento da subvención.

A esixencia de presentación da documentación prevista neste apartado xustifícase ao non estar dispoñible a súa consulta e verificación nas plataformas de intermediación de datos das administracións públicas.

d) Documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos da convocatoria no suposto en que a solicitante non autorice a Deputación Provincial á consulta e verificación dos seus datos a través da plataforma de intermediación de datos das administracións públicas do Ministerio de Política Territorial e Función Pública:

Neste suposto, a interesada deberá achegar os seguintes documentos:

1. DNI ou NIE da solicitante.

2. Certificado de empadroamento da persoa solicitante nun municipio da provincia de Ourense.

3. Certificado de estar dada de alta para a actividade subvencionada nun municipio da provincia de Ourense, no censo de empresarios, profesionais e retedores da Axencia Estatal de Administración Tributaria.

4. Certificado de vida laboral da persoa solicitante.

5. Certificado emitido pola mutualidade colexial profesional onde conste a data de alta como profesional en exercicio da persoa solicitante, no caso de exercicio de profesións colexiadas que conten con este sistema alternativo ao alta no Réxime Especial de Traballadores Autónomos da Seguridade Social.

6. Declaración responsable de non incorrer nas prohibicións previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiaria, segundo o formulario que se obterá na plataforma informática.

7. Certificado de atoparse ao corrente nas súas obrigas coa Seguridade Social, expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

8. Certificado de atoparse ao corrente nas súas obrigas tributarias, expedido pola Axencia Estatal de Administración Tributaria.

9. Certificado de atoparse ao corrente nas obrigas tributarias e non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Comunidade Autónoma de Galicia, expedido pola Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.

10. Certificado de titularidade da conta bancaria designada pola persoa solicitante para o pagamento da subvención.

Se a documentación esixida en calquera dos apartados anteriores xa constase achegada pola persoa solicitante ante calquera administración pública, non será necesaria a súa presentación, sempre que, conforme ao disposto no artigo 28.3 da Lei 39/2015, a interesada indique en que momento a presentou e ante que órgano administrativo, a fin de que a Deputación poida obter, de modo electrónico, a dita documentación a través das redes corporativas, consultando as plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para tal fin.

En todo caso, se por razóns técnicas non fose posible a consulta ou verificación de datos nas plataformas de intermediación das administracións públicas, a Deputación poderá solicitar á interesada que achegue a documentación de que se trate, concedéndolle para o efecto un prazo de dez días hábiles.

A Área de Benestar realizará, con periodicidade quincenal, a revisión das solicitudes presentadas que estean completas e permitan verificar o cumprimento dos requisitos esixidos. Cada proposta ou resolución quincenal incluirá as solicitudes completas comprobadas ata o corte correspondente, ordenadas segundo a prelación aplicable. As solicitudes incompletas serán obxecto, de ser procedente, do correspondente requirimento de emenda polo prazo de dez días hábiles; para os efectos da orde de prelación, tomarase como referencia a data e hora en que a solicitude quede completa e resulte acreditado o cumprimento dos requisitos.

As solicitudes que reúnan os requisitos integrarán unha listaxe ordenada, quedando concedida a subvención mediante a correspondente resolución do órgano competente, ata o límite do crédito dispoñible. Unha vez esgotado o crédito, publicarase esta circunstancia na sede electrónica da Deputación Provincial de Ourense e as solicitudes completas posteriores, ou aquelas que completándose posteriormente non poidan ser atendidas por insuficiencia de crédito, serán denegadas por este motivo.

Así mesmo, a Área de Benestar poderá empregar os datos de contacto facilitados polas beneficiarias para informar das actuacións vinculadas á Rede EmprendOU en feminino, nos termos previstos nestas bases e na normativa de protección de datos.

As resolucións ou publicacións quincenais non serán obxecto de notificación individual, que será substituída pola súa publicación na sede electrónica da Deputación Provincial de Ourense, ao abeiro do artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, e no enderezo electrónico http://www.depourense.gal.

Sétima. Réxime de protección dos datos achegados coa solicitude

O tratamento pola Deputación Provincial de Ourense dos datos persoais achegados polas persoas solicitantes no marco desta convocatoria fundaméntase no disposto nos apartados c) e e) do artigo 6.1 do Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos datos persoais e á libre circulación destes datos, así como no artigo 6 da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

O tratamento resulta necesario para o cumprimento das obrigas legais aplicables á Deputación Provincial de Ourense como administración pública concedente de subvencións, así como para a comprobación do cumprimento dos requisitos esixidos nestas bases, a tramitación do procedemento, a resolución da convocatoria, a publicación das subvencións concedidas, a xustificación, o control financeiro e, se é o caso, a tramitación dos procedementos de reintegro que procedan.

A persoa responsable do tratamento é a Deputación Provincial de Ourense, representada pola súa Presidencia, con domicilio na rúa do Progreso, n.º 32, 32003 Ourense.

Os datos de contacto da persoa delegada de protección de datos son: rúa do Progreso, n.º 32, 32003 Ourense, e correo electrónico: dpd@depourense.gal.

Os datos persoais obxecto de tratamento serán os necesarios para a correcta tramitación da subvención, en particular os datos identificativos, datos de contacto, datos relativos á residencia ou empadroamento, datos relativos á actividade económica ou profesional, datos de alta na Seguridade Social ou mutualidade alternativa, datos censuais ou tributarios, datos relativos ao cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social, así como calquera outro dato que resulte necesario para verificar o cumprimento dos requisitos establecidos nestas bases.

Os datos persoais achegados coa solicitude destinaranse exclusivamente ás seguintes finalidades:

a) Comprobar que a persoa solicitante reúne os requisitos para obter a condición de beneficiaria.

b) Tramitar, instruír e resolver o procedemento de concesión da subvención.

c) Cumprir as obrigas de publicidade activa, transparencia e comunicación á Base de Datos Nacional de Subvencións, nos termos previstos na normativa aplicable.

d) Realizar as actuacións de comprobación, inspección, control financeiro e, se é o caso, reintegro.

Ademais os datos persoais poderán ser comunicados, cando proceda, aos seguintes destinatarios:

a) Á Base de Datos Nacional de Subvencións, nos termos previstos na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

b) Aos órganos de control interno e externo, incluída a Intervención provincial, o Consello de Contas, o Tribunal de Contas, órganos xudiciais e demais autoridades públicas competentes.

c) A outras administracións públicas cando resulte necesario para a comprobación de datos, prevención da fraude, control financeiro ou cumprimento de obrigas legais.

d) Ás persoas interesadas no procedemento, nos termos e cos límites previstos na normativa de procedemento administrativo, transparencia e protección de datos.

En cumprimento do establecido nos artigos 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; e 8.1.c) da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, a información relativa ás subvencións concedidas será obxecto de publicación nos termos legalmente previstos.

As publicacións realizaranse co alcance estritamente necesario para cumprir as obrigas de publicidade e transparencia, evitando a difusión de datos persoais non necesarios para a finalidade perseguida.

Os datos persoais conservaranse durante o tempo necesario para a tramitación, xustificación, control e eventual reintegro da subvención, así como durante os prazos esixidos pola normativa de subvencións, orzamentaria, contable, de transparencia, de arquivos e de responsabilidade das administracións públicas.

As persoas interesadas poderán exercer os dereitos de acceso, rectificación, supresión, oposición, limitación do tratamento e, cando proceda, os demais dereitos recoñecidos pola normativa de protección de datos persoais, mediante escrito dirixido á Presidencia da Deputación Provincial de Ourense, na rúa do Progreso, n.º 32, 32003 Ourense, ou a través dos medios electrónicos habilitados pola Deputación Provincial.

Tamén poderán dirixirse á persoa delegada de protección de datos no enderezo electrónico dpd@depourense.gal.

As persoas interesadas poderán presentar reclamación ante a Axencia Española de Protección de Datos cando consideren que o tratamento dos seus datos persoais non se axusta á normativa aplicable.

A falta de achega dos datos persoais necesarios para a tramitación da solicitude ou, se é o caso, a oposición á súa comprobación cando esta sexa imprescindible para verificar o cumprimento dos requisitos da convocatoria, poderá determinar a imposibilidade de tramitar a solicitude ou a súa exclusión, nos termos previstos na normativa aplicable.

Non se adoptarán decisións baseadas exclusivamente en tratamentos automatizados, incluída a elaboración de perfís, que produzan efectos xurídicos sobre as persoas solicitantes ou lles afecten significativamente de modo similar, sen prexuízo das actuacións de comprobación ou validación administrativa que poidan realizarse mediante medios electrónicos baixo supervisión administrativa.

Oitava. Procedemento de concesión

A Área de Benestar da Deputación de Ourense será a unidade administrativa encargada da tramitación das solicitudes presentadas.

Unha vez presentada a solicitude, a Área de Benestar procederá á comprobación da documentación achegada e do cumprimento dos requisitos establecidos nestas bases. No caso de que se advertisen defectos ou omisións emendables, requirirase á interesada para que emende a solicitude no prazo de dez días hábiles, coa advertencia de que, de non facelo, se lle terá por desistida da súa solicitude, logo da resolución que proceda nos termos da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Unha vez verificada a corrección da documentación presentada e o cumprimento dos requisitos de acceso, a Área de Benestar formulará, con periodicidade quincenal, a correspondente proposta de persoas beneficiarias, seguindo a orde de prelación determinada pola data e hora en que a solicitude estea completa e reúna os requisitos esixidos, coa tramitación preferente prevista nestas bases para as persoas beneficiarias da convocatoria do ano 2025 durante os 30 primeiros días hábiles do prazo. No caso de que as solicitudes non cumpran os requisitos establecidos nas presentes bases, ou non exista crédito dispoñible conforme á orde de prelación aplicable, procederase á súa denegación motivada.

As persoas propostas como beneficiarias deberán presentar aceptación expresa da subvención no prazo de dez días hábiles desde a publicación da proposta ou da resolución que corresponda. A aceptación formalizarase mediante a presentación do modelo normalizado aprobado para tal efecto, dispoñible na sede electrónica da Deputación Provincial de Ourense, e poderá presentarse presencialmente nas dependencias da Área de Benestar da Deputación Provincial de Ourense ou mediante os medios electrónicos que se habiliten para tal efecto. A falta de aceptación expresa no prazo indicado entenderase como renuncia á subvención concedida ou proposta, segundo proceda. A aceptación da subvención implicará a incorporación á Rede EmprendOU en feminino para os efectos de recepción de información relativa ás actividades impulsadas pola Deputación de Ourense relacionadas co emprendemento feminino.

O acto de concesión ou denegación das subvencións non será obxecto de notificación individual, substituíndose pola súa publicación na sede electrónica da Deputación, conforme ao disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro. A publicación incluirá a relación de solicitudes concedidas e denegadas, con indicación sucinta da causa de denegación cando proceda.

Novena. Xustificación e pagamento da subvención

En atención ao previsto no artigo 28.9 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, tendo en conta que a concesión da subvención está motivada pola concorrencia na persoa solicitante das circunstancias acreditadas de ser titular dun proxecto de emprendemento, autoemprego ou actividade profesional e de seguir activa nela, así como, se é o caso, pola continuidade respecto dunha subvención concedida na convocatoria do ano 2025, non se requirirá outra xustificación que a comprobación que poida vir derivada da solicitude da Intervención da Deputación de Ourense, que poderá esixir documentos ou xustificantes complementarios que, motivadamente, se consideren oportunos para unha fidedigna acreditación do cumprimento dos requisitos da subvención.

O pagamento realizarase mediante transferencia bancaria á conta designada pola beneficiaria unha vez ditada a resolución de concesión e presentada a aceptación expresa da subvención nos termos previstos nestas bases.

Igualmente, a Intervención da Deputación poderá realizar funcións de inspección e control financeiro de conformidade co establecido na Lei 9/2007.

Décima. Compatibilidade con outras axudas e subvencións públicas

Estas axudas serán compatibles con outras axudas, subvencións, ingresos e recursos recibidos pola persoa beneficiaria, procedentes de calquera administración, ente público ou privado, nacional ou internacional.

Décimo primeira. Reintegro da subvención

En caso de concorrencia dalgunha das causas previstas na lexislación vixente, procederase a tramitar un expediente de reintegro ou, se é o caso, de perda do dereito á subvención concedida. A obriga de reintegro ou de perda do dereito poderá ser total ou parcial, en función da gravidade do incumprimento da persoa beneficiaria, graduándose conforme ao principio de proporcionalidade.

Unha vez incoado o expediente de reintegro ou perda do dereito á subvención, concederáselle un prazo de quince días hábiles á interesada para que poida comparecer no expediente, tomar audiencia e, á vista desta, propoñer as probas e/ou realizar as alegacións que considere convenientes. Unha vez concluídas as actuacións e emitidos os oportunos informes, a Presidencia ditará a resolución que corresponda.

Décimo segunda. Normativa de aplicación

Será de aplicación á presente convocatoria e ás subvencións que se concedan ao seu abeiro a normativa vixente en materia de subvencións e procedemento administrativo aplicable ás administracións locais e, en particular, as normas seguintes:

- Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento de desenvolvemento.

- Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

- Ordenanza xeral reguladora das subvencións da Deputación Provincial de Ourense (BOP núm. 260, do 12 de novembro de 2015).

- Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Publícase isto, advertindo que contra este acordo se poden interpoñer os seguintes recursos: En caso de particulares, pódese interpoñer, potestativamente, un recurso de reposición ante a Xunta de Goberno desta Deputación, no prazo de un mes, como trámite previo ao contencioso-administrativo, ou ben directamente un recurso contencioso-administrativo, ante o Xulgado Provincial do Contencioso-Administrativo, no prazo de 2 meses, sen que se poidan compaxinar ambos os recursos. Os prazos indicados computaranse a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no BOP. Documento asinado electrónicamente (Lei 39/2015, do 1 de outubro). No caso de administracións públicas, pódese interpoñer un recurso contencioso administrativo no prazo de dous meses ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense. Ademais, ao abeiro do disposto no artigo 44 da Lei reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, poderá formularse un requirimento de anulación ou revogación do acto, no prazo de 2 meses con carácter previo ao exercicio de accións en vía contenciosa. Os prazos indicados computaranse a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio, tendo en conta que o prazo para a interposición do recurso contencioso-administrativo, -no caso de que se formule o requirimento previo-, contará desde o día seguinte a aquel no que se reciba comunicación do acordo expreso sobre o dito requirimento ou se entenda presuntamente rexeitado. Non obstante o anterior, poderá interpoñerse calquera outro recurso que se estime pertinente.

Ourense, 14 de xullo de 2026. O presidente.

Asdo.: Luis Menor Pérez.

R. 1.703